Copyright 2023© O´PIORNO-LA TAPERÍA

A Pulpería

/
a historia do piorno
2000
A Historia do Piorno
A historia do Piorno é a historia dunha  familia, concretamente a da familia González rey.
Hai anos, no número 24 da Caldeirería -onde hoxe está a Tapería do Piorno-, atopábase a Mercería La Luz.
Naquela tenda na que se vendían todo tipo de artigos de costura e roupa miúda traballaban con moito afán Fina Rey Rey e José María González Pumar, un matrimonio natural de Arabexo, no Val do Dubra, que tamén dirixía con grande acerto o Bodegón de Xulio, sito noutro número 24, pero na rúa do Franco.
Fina e José María eran coñecidos no lugar, pois daquela, eran moitos os que se achegaban á mercería para mercar calcetíns, panos de man, encaixes ou lazos para as confeccións das modistas. Pero tamén porque no bodegón enchían o bandullo tanto dos composteláns que sabían da calidade da súa cociña, como das decenas de peregrinos que pasaban polo Franco cada día e buscaban un lugar onde repoñer as forzas.
Ambos os dous sabían moi ben o que era dedicarse á hostalaría pois xa tiveran un bar na Coruña, chamado "El Diez"
Aínda así, non era unha tarefa sinxela. Os dous locais demandaban moito traballo e coa chegada dos seus fillos -Xabi e Martín-, tiveron que tomar a sempre difícil decisión de renunciar a un negocio que funcionaba ben. Así, a Mercería La Luz pechou as súas portas no ano 2000, o que permitiu que o restaurante do Franco  seguise cociñando para os seus clientes.
2008
A crise financeira de 2008 comezada en Norteamérica e que se estendeu a todo o mundo, sendo España un dos países máis afectados, complicou moito o alugamento do baixo da mercería, polo que Fina e José María, con abonda experiencia na hostalería, decidiron montar un mesón para aumentar o seu valor e cederllo a quen quixera ocuparse del.
O baixo da Caldeirería, xa reformado, tivo moitos pretendentes e Fina estaba convencida que aquel lugar era “a galiña dos ovos de ouro”, tal e como lle dicía a todo interesado que preguntaba por el. A pesar de todo iso, o alugamento non se chegou a producir porque naquela rúa nunca houbera un mesón e ninguén sabía como ía funcionar. Iso era o que os botaba para atrás.
Pero como xa dicían os romanos, a sorte axuda aos valentes e Fina e José María o foron, ¡vaia se o foron!, e decidiron ser eles mesmos os que botasen andar o mesón. Non só eles. Os seus fillos tamén. Daquela Xavi e Martín traballaban no Bodegón de Xulio man a man cos seus pais e como todo exército que se expande, dividiron as súas tropas: o pai e o fillo maior -José María e Xabi- quedaron no bodegón e a nai e o fillo pequeno -Fina e mais Martín-, tomaron as rendas do Piorno, que así foi como bautizaron ao novo mesón da Caldeirería.
¿E por que ‘O Piorno’? Pois porque José María que como todo galego é un tanto supersticioso, lembraba un bar na Coruña da rúa Estrella que traballaba moi ben e que se chamaba ‘O Piorno’ así que intentou atraer a sorte co mesmo nome. E polo resultado que lle deu, parece que “habelas, hailas”.
 
2010
O 17 de maio -Día das Letras Galegas- de 2010, ás 8,30 horas da mañá a ‘Tapería do Piorno’ abría as súas portas.
Facíao cunha carta confeccionada por Xabi e composta por embutidos, queixos, tixolas, carnes e algún peixe. Non era unha carta moi ampla, pero estaba feita con moito cariño e con pratos que funcionaban e que gustaban a todo o mundo. Martín centrouse máis nos viños e elaborou unha carta variada con numerosas denominacións de orixe, tanto propias de Galicia como de fóra.
Aquel 17 de maio, día grande de Galicia, era un luns festivo e ninguén pensaba que o local, no seu primeiro día, conseguiría encherse. Pero o máis importante e que todos os que xantaron no Piorno marcharon contentos e con ganas de volver. Pouco a pouco, a Tapería do Piorno atopaba o seu sitio naquela rúa na que nunca houbera un mesón e acadaba o éxito que moitos se negaron a ver.
 
2020
Dez anos despois o Bodegón de Xulio trocaba o seu nome polo que ten agora: a ‘Pulpería do Piorno’.  O concepto do Piorno da rúa da Caldeirería estaba funcionando moi ben e a familia quixo exportalo á rúa do Franco.
Hoxe, os dous Piornos -Tapería e Pulpería- conviven en harmonía ofrecendo un servizo similar pero tamén con diferencias que os fan, a ambos os dous restaurantes, únicos nas súas especialidades. A Tapería conta cunha vantaxe que non se atopa noutro local de toda Compostela: a cociña non pecha nunca.
Que os dous Piornos amosen a saúde que amosan hoxe é grazas a todos e todas os que traballaron ao longo da súa historia e aos que continúan colaborando e crendo nesta forma tradicional e enxebre de entender a nosa cociña.
Pero sobre todo é grazas a Fina e a José María que viron unha oportunidade onde outros vían un obstáculo.
Xuntos seguimos a escribir a historia do Piorno. Dende o primeiro café dos almorzos ata a última sobremesa das ceas.
Se estás a ler isto, ti tamén formas parte desta historia. 
Ir al contenido