2000
A Historia do Piorno
A historia do Piorno é a historia dunha familia, concretamente a da familia González rey.
Hai anos, no número 24 da Caldeirería -onde hoxe está a Tapería do Piorno-, atopábase a Mercería La Luz.
Naquela tenda na que se vendían todo tipo de artigos de costura e roupa miúda traballaban con moito afán Fina Rey Rey e José María González Pumar, un matrimonio natural de Arabexo, no Val do Dubra, que tamén dirixía con grande acerto o Bodegón de Xulio, sito noutro número 24, pero na rúa do Franco.
Fina e José María eran coñecidos no lugar, pois daquela, eran moitos os que se achegaban á mercería para mercar calcetíns, panos de man, encaixes ou lazos para as confeccións das modistas. Pero tamén porque no bodegón enchían o bandullo tanto dos composteláns que sabían da calidade da súa cociña, como das decenas de peregrinos que pasaban polo Franco cada día e buscaban un lugar onde repoñer as forzas.
Ambos os dous sabían moi ben o que era dedicarse á hostalaría pois xa tiveran un bar na Coruña, chamado "El Diez"
Aínda así, non era unha tarefa sinxela. Os dous locais demandaban moito traballo e coa chegada dos seus fillos -Xabi e Martín-, tiveron que tomar a sempre difícil decisión de renunciar a un negocio que funcionaba ben. Así, a Mercería La Luz pechou as súas portas no ano 2000, o que permitiu que o restaurante do Franco seguise cociñando para os seus clientes.